O supercross galego cítase no circuito de Arnosa

supercross250_050609.jpgSANXENXO> Chega o supercross a Vilalonga, a terceira proba puntuable para o Campionato Galego da especialidade. Disputarase no circuito de Arnosa e haberá unha participación masiva nas diferentes categorías. Os pilotos locais Silvia Rivas e Tomás Basdedios tentarán facer un bo papel diante da súa xente.

O Moto Club Salnés Racing organiza mañá no circuito de Arnosa, en Vilalonga, a terceira proba puntuable para o Campionato Galego de Supercross, onde se darán cita os mellores da modalidade.

Os adestramentos darán comezo ás 11:00 e a saída para a primeira carreira será ás 16:00. Agárdase unha participación masiva, non en van tomarán parte nela diversas categorías, dende a raíña, senior-junior, promoción, veteranos e sobre todo, das máis salientables, a cadete e a alevín, onde competirán rapaces de tan só seis anos, algo que dá boa mostra do bo traballo que se está a facer neste deporte coa canteira.

O trazado será practicamente o mesmo que o do ano pasado aínda que desta volta a climatoloxía non acompañará. Agárdase que iso non desluzca o espectáculo.

Entre os principais pilotos locias estarán en categoría veteranos Luis Moldes, Mario Leiro e Manolo Trilles, tentando rematar o máis adiante posible. Co mesmo obxectivo saltará á pista Tomás Basdedios en senior, xunta á única muller que compite, a xoven promesa de Meis Silvia Rivas, de tan só 15 anos.

Redacción Salnés