Portonovo e Ribadumia miden forzas en Baltar

SALNÉS> Da Preferente Sur o encontro que destaca é ese derbi entre Portonovo – Ribadumia. Os dous equipos chegan á cita nun gran momento de forma, sobre todo os locais, que levan catro triunfos seguidos. Ademais, esta xornada o Céltiga recibe ó Pontellas mentres que o Arosa xoga na Lomba ante o Tomiño.

Partido bonito e vibrante o que se agarda en Portonovo. Non é dos derbis máis clásicos, pero a situación de ambos conxuntos na clasificación faino especial. E é que enfróntanse terceiro contra cuarto. Un equipo lanzado, como o Portonovo, que suma catro victorias seguidas, contra o conxunto máis regular do campionato, un Ribadumia, que iso sí, leva tres empates seguidos.

As sensacións que deixan ambos partido a partido son boas, tanto na creación de xogo ofensivo, como no defensivo: son as dúas mellores defensas da Preferente Sur xunto coa do Arosa. No Portonovo non queren perder a xeira de resultados sabedores de que a semana que ven teñen outro complicado partido ante o Choco. Os de Pablo Vázquez pola súa parte saben que con este abren unha serie de partidos ata o final da primeira volta na que medirán o seu verdadeiro potencial ante tódolos aspirantes ó ascenso.

As baixas poden lastrar a un Portonovo no que non estarán Suso por sanción, e Cristian e Aarón por lesión. Moi e Martín son dúbida para o choque.

Outros dous rivais directos polo ascenso mídense no Salvador Otero, Céltiga e Pontellas. Ambos chegan á cita arrastrando unha mala liña de resultados que os alonxou lixeiramente da cabeza. Sen embargo os da Illa saben do poderosos que son no seu campo, de onde aínda non deixaron escapar nin un punto. Moitas baixas en ambos conxuntos: Manuel Núñez non poderá contar con case total seguridade con Janeiro, Kevin e Marco, ademais da coñecida ausencia de César. Mentres que do outro bando Miguel Ffernández perde a Iago por sanción, e Edu Veiga, Jorge Fernández e Abraham por lesión.

Tamén moitas baixas no Arosa. Santi e Miguelín nos laterais e Vixo no centro do campo están lesionados e Comesaña sancionado. Por iso Lino González planea poñer en liza un dobre pivote formado por Liños e Alex Mañas, colocando ó canteirán Eloy en banda dereita. Todo para recibir a un Tomiño en horas baixas tralo seu bo arranque ligueiro.

Redacción Salnés