Os tenistas vilagarciáns brillan no torneo de Santa Rita

tenis250_020609.jpgVILAGARCÍA> Despois de tres semanas de competición o torneo de Santa Rita de tenis, que se disputou en Vilagarcía, chegou ó seu fin. Fíxoo cuns grandes resultados para os xogadores do club anfitrión, o do Rial. Meteron varios representantes nas roldas finais e incluso viviron de preto a victoria en alevín femenino de Alba Rubio.

Baixo un sol de xustiza disputáronse esta fin de semana as roldas finais do torneo de Santa Rita, que cumpría 21 edicións. Unha competición enrolada ó Circuito Galego Xuvenil, de feito era a terceira proba puntuable.

Este ano batíronse records de participación; entre os seis cadros, tres masculinos e tres femininos en categorías alevín, infantil e cadete, inscribíronse 320 tenistas.

O club organizador, O Rial, sumou uns resultados máis que positivos cos seus representantes, que raiaron a gran altura. Alba Rubio proclamouse vencedora en alevín femenino logo de superar na final a Ángela Pérez. Daniel González fixo o propio entre os rapaces impoñéndose a Luis Morillo, cabeza de serie número 1 e que sucumbíu por 6-4, 7-5.

Algo semellante sucedeu en categoría infantil, onde o terceiro favorito impúxose o primeiro. Daniel Pardo levouse o título ante Pedro Ecenarro, que tras arrasar no primeiro set deixouse remontar para acabar perdendo o partido por 0-6, 6-4 e 7-5. Marta González venceu na final femenina a Gisela Amor por 6 -4, 6-1. Entre as actuacións máis destacadas dos tenistas do club anfitrión nesta categoría, estiveron a de Clara Pavía, que chegou a semifinais e a de Rodrigo Díaz que alcanzou os cuartos.

Na categoría cadete a gran sorpresa do torneo deuna o tenista do Rial Manuel Nogueira, que foi quen de meterse na final, aínda que se tivo que conformar co subcampionato logo de perder ante o cabeza de serie número 1, Carlos Tajes, por 6-1 e 6-3.

Nas chicas Andrea Retolaza beneficiouse do abandono por lesión de Sara Andrade para alzarse co triunfo. Tamara Alvarez,  viguesa do Rial, chegou ata as semifinais.

Coa entrega de trofeos rematou este torneo de Santa Rita, que promete volver o ano para mellorar xa os excelentes resultados desta edición.

Redacción Salnés