O PSdeG esixe á Xunta que licite a EDAR de Ribeira antes de fin de ano

    lagedepuradoraribeira_100_040609.jpgRIBEIRA> O PSdeG presentou unha proposición non de lei no Parlamento instando á Xunta a licitar a depuradora de Ribeira antes de finais de 2009.

    {flowplayer}barbanza/lagedepuradoraribeira.flv{/flowplayer}

    A petición da agrupación socialista de Ribeira, o deputado parlamentario Xosé Manuel Lage vén de presentar unha proposición non de lei instando á Xunta de Galicia a licitar o proxecto da EDAR de Ribeira antes do 31 de decembro deste ano.

    A iniciativa fai referencia tamén á necesidade de respectar o acordo adoptado polo pleno municipal de xeito unánime o 30 de xullo de 2007, que esixía a avaliación ambiental do proxecto así como a construción dunha depuradora independente para o polígono de Xarás.

    ‘Obstrucionismo’

    Os socialistas consideran que a tramitación para a construción da EDAR de Ribeira, o concello máis poboado de todo o Barbanza, xa debería estar en marcha despois de que o goberno bipartito puxera en marcha un plan de saneamento das rías. Consideran que si non é así é pola actitude obstrucionista do executivo ribeirés que agardou á chegada dun goberno autonómico amigo para desbloquear esta actuación, para a que xa existía consignación parlamentaria.

    Independentemente da actitude do goberno local, a prioridade para os socialistas é que Ribeira conte dunha vez por todas cun sistema de depuración de cuarta xeración que poña fin ós vertidos que contaminan a Ría de Arousa poñendo en risco dous sectores productivos clave como o marisqueo e o turismo.

    Nos mesmos termos que os socialistas pronunciouse a voceira do BNG ribeirés, Dominga Brión. A formación frentista tamén aposta pola necesaria depuración das augas residuais, sempre e cando se garanta a sustentabilidade da nova instalación e se respecten os intereses dos propietarios dos terreos elixidos para a súa ubicación.

    Falta de información

    Aínda que dende o BNG consideran unha boa nova o desbloqueo deste proxecto, consideran que dende o executivo deberían ter informado ó resto dos grupos da oposición dos termos do acordo acadado con Augas de Galicia para a execución da nova EDAR.

    Pola súa banda, fontes municipais informaron de que a Consellería de Medio Ambiente considera idóneos os terreos propostos polo concello no polígono de Couso para a construción da estación depuradora que só recollerá os residuos urbanos.

    Redacción Barbanza