A Cariñosa repite título no Trofeo Fasquía de dornas

fasquia250_080609.jpgILLA> Esta fin de semana asistimos á disputa do V Trofeo Fasquía de dornas a vela. Tratábase da primeira proba puntuable para o Trofeo Galicia da modalidade e nela déronse cita preto de 40 embarcacións. "A Cariñosa" levouse o título por segundo ano consecutivo.

As dornas volveron a tomar a Ría de Arousa para disputar o Trofeo Fasquía, organizado pola Asociación Cultural que leva o mesmo nome. Na súa quinta edición déronse cita na proba 38 embarcacións que debían completar un percorrido de oito millas náuticas.

As dornas saíron do peirao do Xufre, dirixíronse ata o faro do Xeixo para virar á boia de delimitación dos polígonos das bateas, tendo que dar retornar de novo cara o Xufre. Tiveron que dar dúas voltas a ese circuito.

Participaron no evento embaracacións da Illa, O Grove, Ribeira, Cambados, Portonovo, Cangas e Vilanova, e das 38 que saíron tan só catro non puideron rematar a proba por problemas técnicos.

Despois dunha mañá de tormentas, o tempo acompañou pola tarde e unido ó vento do oeste que soprou fixo que se vira un bo espectáculo. A gañadora final, como xa sucedera o ano pasado foi “A Cariñosa”, da Asociación Cultural e Deportiva Dorna, tripulada por Checo e Victor. Por detrás chegaron a “Nécora” de Braulio e Harri, e en terceira posición a "Jalerna" de Ricardo e Carterola. Entre as dornas que entraban en competición da asociación organizadora, Fasquía, a primeira foi “A Xarandeira”, que rematou novena pese a ter pasado a primeira volta xusto por detrás do líder.

Ó finalizar a regata, a entrega de premios tivo lugar nas instalacións da agrupación de mexilloeiros da Illa, onde estiveron presentes o presidente da Asociación Fasquía, Santiago Mougán, acompañado polo alcalde Manuel Vázquez.

Este Trofeo Fasquía era a primeira proba puntuable para o Trofeo Galicia de Dornas a vela. O calendario de competición completarase con tres probas más a disputarase nos meses de verán: a regata do Faros, no Grove, a do Bao, tamén na Illa, e outra máis en Cambados, coincidindo coa festa do Albariño.

Redacción Salnés