A Xunta inicia o proceso expropiatorio para o corredor entre Brión e Martelo

corredorbrionmartelo_100_080609.jpgLOUSAME> O DOG publica as datas definitivas para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens afectados polas obras do corredor Brión-Martelo.

{flowplayer}barbanza/corredorbrionmartelo.flv{/flowplayer}

Segundo sinalaron fontes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas esta actuación lévase a cabo pola necesidade de adquirir camiños de servizos e de servidume por mor das obras desta infraestrutura, que obriga a realizar estas expropiacións e, consecuentemente, comunicar ós titulares dos terreos en que grao se verán afectados e cales serán as bonificacións que recibirán.

Rois, Lousame e Brión

Así, o levantamento de actas previas producirase en Rois os días 29 e 30 de xuño e o 1 de xullo, a partir das nove e media da mañá no Local Social de Urdilde. En Lousame será no concello o día 1 de xullo a partir das nove e cuarto e en Brión os días 2, 3 e 6 de xullo no Centro Social Polivalente a partir das nove e media.

Ó acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados por unha persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome. Deberán presentar os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, e poden facerse acompañar pola súa conta, se o estiman oportuno, dos seus peritos e notarios.

Exposición pública

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente estarán expostos nos concellos de Rois, Lousame e Brión e no Servizo de Estradas da Coruña. Así mesmo, e en cumprimento co artigo 56 da Lei de expropiación forzosa, ábrese a información pública durante un prazo de 15 días, a partir deste martes, e ata o momento do levantamento da acta previa á ocupación correspondente.

A finalidade é que os interesados poidan formular por escrito, ante o Servizo de Estradas da Coruña as alegacións que consideren pertinentes co obxecto de emendar posibles erros padecidos ó relacionar os bens afectados pola ocupación.

Redacción Barbanza