![]()
VILAGARCÍA> Dous inviduos armados golpearon ó dono do comercio e atárono de pés e mans antes de cometer o roubo.
{flowplayer}images/salnes/220609_atraco_xoieria.flv{/flowplayer}
Este non é o primeiro roubo que se produce nun comercio de Vilagarcía, pero si un dos máis violentos. Pasaban das sete da tarde cando dous individuos entraban nesta coñecida xoiería da cidade. Nese intre o dono, un home duns sesenta anos, atopábase só no establecemento. Os asaltantes golpeárono na cabeza, atárono de pés e mans, tapáronlle a boca con cinta illante e deixárono tralo mostrador mentres se facían con mercadoría gardada no interior do local. Logo abandonaron a xoiería. Este establecemento conta con fortes medidas de seguridade, polo que se cree que os asaltantes tiñan vixiado o local con antelación.
Os berros do propietario alertaron a unha veciña da zona, que asustada, pediu axuda a outra muller que pasaba nese intre pola rúa. Foron elas dúas as que atoparon ó empresario maniatado e alertaron á Policía Nacional. Segundo relatou unha das mulleres a esta canle, o dono aseguroulle que os ladróns ían armados, un cunha pistola e outro cunha navalla. Tralo atraco, o propietario do establecemento sufriu unha crise de ansiedade, pero non foi necesario trasladalo a ningún centro hospitalario.
Os comercios xa están co horario de verán, por iso moitos dos negocios da zona non estaban abertos ó público, e os que si abriron non se decataron do acontecido ata a chegada da policía. A brutalidade coa que se produciu o atraco acendeu tódalas alarmas entre os comerciantes da vila, que admiten sentir inseguridade. É por iso que a presidenta da asociación Zona Aberta, Rocío Louzán, recomenda ós empresarios que reforcen a seguridade dos seus negocios.
Redacción Salnés







