![]()
SANXENXO> Tres persoas resultaron feridas, unha delas grave, ó chocar un todo terreo e un turismo na vía do Salnés.
{flowplayer}images/salnes/accidente_via_salnes_230609.flv{/flowplayer}
SANXENXO> Segunda colisión no que vai de mes na vía do Salnés, no tramo que une Sanxenxo co Grove. O último accidente grave tivo lugar onte pouco antes das oito da tarde e saldouse con tres feridos, un deles de gravidade.
O sinistro aconteceu a cincocentos metros da saída de Portonovo e Adina. Nel resultaron implicados un turismo marca Opel Vectra e un todo terreo Nissan Terrano, que chocaron de fronte. Ó parecer o condutor do todo terreo sufriu un mareo e invadiu o carril contrario, momento no que se rexistrou o accidente.
Devido ó impacto, o todo terreo acabou virado sobre a calzada, mentres que o turismo quedou enriba do garda raíl. Ata o lugar desprazouse a Garda Civil de Tráfico, e tamén Bombeiros do Salnés e Emerxencias Sanxenxo, que tiveron que excarcerar ós dous condutores. O peor parado foi o do Opel, que quedou atrapado por unha perna, a súa acompañante puido saír polo seu propio pe do vehículo.
Os tres feridos foron atendidos nun primeiro momento polo persoal sanitario do 061 e, unha vez, estabilizados, foron trasladados para recibir atención hospitalaria, sen que se temese pola vida de ningún deles. A aparatosidade do accidente provocou o peche da vía ó tráfico durante varias horas.
Este xa é o segundo accidente grave no que vai de mes nesta vía do Salnés, o único tramo que quedou sen desdobrar. O pasado 9 de xuño, dous BMW chocaban fronto lateralmente á altura de Noalla. Un sinistro que se saldou cun ferido e con cuantiosos danos materiais, e que tamén obrigou a cortar a Vía ó tráfico.
Redacción Salnés







