Máis de 200 padexeiros participarán na Baixada do Umia

baixada250_020709.jpgRIBADUMIA> Este domingo celébrase a XV Baixada do Río Umia. 26 clubes de toda Galicia danse cita nesta mítica proba que terá a súa saída na praia fluvial de Portas e a súa chegada en Cabanelas. Esta mañá foi presentada na sede do club organizador, o Náutico o Muiño.

A alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, mailo presidente do Náutico o Muiño, José Manuel Vázquez presentaron esta mañá nas instalacións do club en Cabanelas, a que será a XV edición do Baixada do Río Umia.

Disputarase este domingo e nela competirán os 26 clubes máis importantes da rexión. Serán un total de 225 padexeiros os que entren en competición nas diferentes categorías, unha das máis amplas participacións da historia desta proba.

Coincidirá ademais coa celebración da Feira Medieval en Pontearnelas, polo que a presencia de numeroso público está garantizada.

A proba terá a súa saída na Praia Fluvial de Portas. Os primeiros en tomar o río serán os K-1 senior masculino, ás cinco da tarde. Segundo o horario previsto, unha hora despois debería chegar o gañador nesta categoría raíña, tras ter percorrido os 14 quilómetros do traxecto. Ademais, colocaranse dúas metas volantes: unha situada en Pontearnelas en honra de Jose Manuel Torres ‘Iño’, que a gañará o primeiro K-1 xuvenil; en Ponte Bayón colocarase outra para os C-1 cadete en memoria a José Ramón ‘Peque’, padexeiro do Náutico O Muiño falecido en accidente de tráfico ano pasado.

Precisamente o club ribadumiés loitará pola victoria poñendo 20 padexeiros en liza. Entre os grandes favoritos para a victoria final, os integrantes do Vilaboa e o padexeiro do Club Fluvial de Lugo, Paco Vázquez.

Redacción Salnés