O Concello comprométese a solucionar os problemas de drenaxe de Pasarón ao finalizar esta tempada

PONTEVEDRA> O concelleiro de Deportes mantivo esta mañá unha primeira xuntanza coa presidenta do Pontevedra Club de Fútbol. Lupe Murillo aproveitou este encontro para trasladar ao edil todos os problemas que presenta actualmente o campo de Pasarón así como para debater a localización da futura cidade deportiva. Ademais, en ton xocoso Tino Fernández comprometeuse a solucionar os problemas de drenaxe do estadio, sempre e cando o club ascenda a Segunda División.

Unha primeira toma de contacto para falar do futuro do Pontevedra CF. O concelleiro de Deportes mantivo esta mañá unha reunión coa presidenta do club granate para intentar solucionar canto antes todos os problemas que presenta o Estadio Municipal de Pasarón.

Outro dos temas principais da reunión desta mañá foi a masificación dos campos de A Xunqueira. Para solucionar este colapso, os equipos da base do Pontevedra comezarán a adestrar nos campos municipais de Xeve, Campañó ou Cerponzóns.

Como non podía ser doutro xeito, a futura cidade deportiva foi outro dos asuntos debatidos neste encontro. Tino Fernández asegurou que este proxecto estará en standby ata que non se constitúa o Goberno central.

A drenaxe do céspede de Pasarón é un dos problemas que máis preocupa á Lupe Murillo. Nesta reunión, Tino Fernández comprometeuse a revisalo ao finalizar esta tempada, sempre e cando, o Pontevedra ascenda á Segunda División.