Vilagarcía acolle o nacional de Snipe xuvenil e femenino

snipe250_090709.jpgVILAGARCÍA> Esta mañá foi presentado en Vilagarcía o Campionato de España de Clase Snipe, para categorías xuvenil e femenino. Organizado polo Liceo Casino de Vilagarcía, 35 embarcacións de toda España competirán dende o domingo e ata o martes polo cetro nacional.

O Snipe volta a Vilagarcía da man do Liceo Casino no que será a edición número 66 do Campionato de España Xuvenil e Femenino-Trofeo Autoridade Portuaria de Vilagarcía. As tripulacións irán chegando estes días para pasar polos diferentes controles e medicións do sábado.

O domingo ás 12:00 darase a saída á primeira manga das tres que se teñen programadas, dun total de oito, que se completarán nas xornadas do luns e o martes. 35 embarcacións tomarán parte nesta proba. As andaluzas e as de Baleares parten como favoritas aínda que unha decena de embarcacións locais tentarán que o título quede na casa. Bernardo Paz, tripulante en Platú 25 do Vilagarcía, e Óscar Lages, son os actuais subcampións de España desta clase e tamén parten con opcións.

Esta proba servirá como preparatoria a nivel organizativo do Campionato España Absoluto que se celebra tamén en Vilagarcía a semana que ven e no que entrarán en liza case que un centenar de barcos.

Por outra banda, o sábado pola tarde e o domingo pola mañá disputarase nas inmediacións do Club de Mar unha proba da Copa Galicia de Clase Radio Control 1 Metro.

Un dos grandes atractivos será ver como se desenvolve Antón Paz neste tipo de regatas. O campión olímpico competirá xunto a outros 14 participantes.

Redacción Salnés