![]()
SALNÉS> A Pobra do Caramiñal e Rianxo acolleron sendas bandeiras da Liga Galega de Traíñas, con vicñtorias para Cabo de Cruz e Salgado-Perillo, respectivamente. En O Grove recalou a teceira proba puntuable para a Liga San Miguel.
A fin de semana na Liga Galega de Traíñas non deixou apenas modificacións no que á clasificación xeral se refire. Os tres favoritos continúan a intercambiarse os postos; Chapela cedeu o liderato e Cabo de Cruz e Náutico de Vigo aproveitaron para compartir esa primeira praza con 74 puntos, dous máis que os de Redondela. As diferencias son polo tanto mínimas.
Sería precisamente Cabo a máis rápida na IV Bandeira Concello da Pobra, disputada na tarde do sábado. Nunha regata a sistema contrarreloxo, na que as embarcacións saían de dous en dous cada minuto, os boireses gañáronlle a partida a Chapela, a súa compañeira de tanda. Tan só Náutico de Vigo pudio colocarse preto. Amegrove volveu a demostrar que é unha embarcación a ter en conta tras rematar terceira, sacándolle á súa compañeira de quenda, Perillo, 11 segundos.
Pero sería Salgado-Perillo a que vencería na V Bandeira Concello de Rianxo, disputada na mañá de onte. Compartíu protagonismo coa néboa, que dificultou o seguimento da regata dende a costa. Amegrove gañou a súa tanda pero só lle servíu para ser sexta.
Na quenda dos favoritos, Perillo sorprendeu a todos cun ritmo forte dende o inicio que lles valeu para sumar a súa primeira victoria nesta liga. Náutico entrou por detrás e Mecos foi terceira. Os grovenses continúan cuartos na xeral a dez puntos do liderato, polo que a súa situación apenas cambiou tras estas dúas bandeiras. Eso sí, agora teñen a Perillo a tan só un punto.
A vindeira semana a Liga Galega de Traíñas viaxa á provincia de Pontevedra coas Bandeiras de Poio e Bueu.
CASTRO ARRASA NA LIGA SAN MIGUEL
As traíñas tamén fixeron parada o sábado no Grove, en Pedras Negras, na terceira regata puntuable para a Liga San Miguel. Naturhouse Castro volveu a ser a máis rápida impoñéndose con 11 segundos de vantaxe a San Pedro, e con 13 a Urdaibai. As representantes galegas remataron nos postos traseiros, con Samertolameu de Meira en novena posición e Tirán xusto por detrás na décima.
O domingo en Pontevedra, Tirán estivo pelexando coas mellores, gañou a súa tanda pero finalmente tivo que conformarse coa séptima praza. Meira foi penúltima e Castro volveu a vencer. Os cántabros son máis líderes despois destas dúas victorias e aventaxan a San Pedro en seis puntos e a Hondarribia en nove. Tirán continúa antepenúltima aventaxando a Meira en seis puntos, que é penúltima. Moaña acollerá as dúas próximas regatas a vindeira fin de semana.
Ademais, comezou a Liga Euskotren femenina. Nas dúas primeiras regatas a selección galega rematou segunda no Grove e primeira en Pontevedra, polo que se sitúa líder.
Redacción Salnés







