![]()
BOIRO> A Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, visitou a sede da ABE, onde foi recibida polo seu presidente, Carlos RodrÍguez e o alcalde, Xosé Deira.
{flowplayer}barbanza/conselleiratraballoabe.flv{/flowplayer}
O motivo da xuntanza foi trazar as liñas de colaboración entre a administración autonómica e o colectivo empresarial para a posta en marcha da nova sede social.
A pesar de que non quixo adiantar ningunha contía, a Conselleira de Traballo si asumiu o compromiso de colaborar coa Asociación Boiresa de Empresarios no tocante á posta en marcha da nova sede social da entidade. Estas novas instalacións, que está previsto comecen a funcionar proximamente, estarán dotadas dun centro de formación equipado con novas tecnoloxías da información e comunicación.
Aposta pola formación
Asemade, Beatriz Mato quixo facer un recoñecemento ao importante labor que as asociacións de empresarios realizan no mantemento do tecido industrial. A Conselleira de Traballo fixo fincapé na aposta pola formación e a competitividade como alicerces básicos para superar o actual período de recesión económica.
A Asociación Boiresa de Empresarios, fundada hai máis de vinte anos, agrupa a trecentas empresas que dan traballo a preto de sete mil persoas. Neste último ano, a asociación realizou cursos, xornadas informativas e varias campañas de promoción así como a feira de oportunidades.
O proxecto de maior envergadura foi a posta en marcha do Foro Empresarial Boirense inaugurado pola Ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa, o pasado mes de xaneiro.
Redacción Barbanza








