BARBANZA> O Conselleiro do Mar asiste ó Consello Europeo de Ministros de Agricultura e Pesca que se están a celebrar en Bruxelas. Ademais de levar a proposta de Galicia para a negociación das cotas pesqueiras, Alfonso Villares está a manter xuntanzas con representantes doutras rexións europeas para establecer estratexias comúns en beneficio do sector.
A importancia pesqueira de Galicia e a Bretaña Francesa fai que as dúas rexións traballen na busca de estratexias comúns para a posta en valor do sector. Así o acordaron esta mañá o Conselleiro do Mar Alfonso Villares e o seu homólogo Daniel Cueff nunha xuntanza mantida en Bruxelas.
Esta reunión enmárcase nos encontros informais que se están a desenvolver no Consello Europeo de Ministros de Pesca que negocian en Bruxelas os Totais Admisibles de Capturas para o próximo ano.
Galicia seguirá a reclamar a necesidade de atender dun xeito equilibrado os factores medioambientais, sociais e económicos á hora de establecer as cotas. Neste sentido, o Conselleiro do Mar referiuse ó informe elaborado pola Xunta en relación ó recorte nas capturas de pescada no Gran Sol en preto dun 30 por cento que tería un impacto económico de preto de 74 millóns de euros na economía galega.











