Condes de Albarei conmemora a adquisición de Pazo Baión

    aniversario_pazo_baion_100_160709.jpgBAIÓN> O 16 de xullo do 2008 a Cooperativa vinícola asinou a operación de compra-venda do Pazo logo de adquirilo en subhasta pública.

    {flowplayer}images/salnes/160709_aniversario_pazo_baion.flv{/flowplayer}

    O dezaseis de xullo do 2008 figura xa no calendario como unha das datas destacadas na historia da Cooperativa Condes de Albarei. Ese día, a sociedade vinícola tomaba posesión da propiedade do Pazo de Baión logo de adquirilo en subhasta pública. Agora, un ano despois, decidiu lembrar ese día cun acto conmemorativo. A el asistiron gran parte dos membros da cooperativa así como representantes do concello de Vilanova e das administracións provincial, autonómica e nacional. Todos coincidiron en destacar o proveitoso futuro do pazo como centro enoturístico de referencia a nivel galego e nacional, un proxecto no que xa está inmerso Condes de Albarei.

    O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou o novo papel do Pazo de Baión como un emblema da loita antidroga, facendo referencia ó compromiso social que Condes de Albarei adquiriu ó tomar posesión do Pazo.

    Durante a celebración do aniversario, os responsables do proxecto enoturístico Pazo Baión, explicaron ós asistentes as peculiaridades deste plan, ó que auguran un impacto moi positivo no tecido socieconómico da comarca e da Denominación de Orixe Rías Baixas. A curto prazo, Condes de Albarei pretende transformar as instalacións do pazo para crear un centro de visitas con salas de cata e expsicións. Tamén se prevé acondicionar a antiga adega para a celebración de eventos, así como a programación de actividades culturais e a elaboración dun viño de pago a partir das uvas colleitadas nos viñedos do Pazo. Segundo o estudo de viabilidade, os responsables do proxecto pretenden acadar as vinte mil visitas durante o primeiro ano que o Pazo abra ó público, para chegar en cinco anos ás cincuenta mil. De cumprir estas previsións, Condes de Albarei e Pazo de Baión converteríanse nun centro enoturístico de referencia a nivel galego e incluso nacional.

    Redacción Salnés