Cambados mesturará comercio local, gastronomía e música no ‘Desmarket’

CAMBADOS> Cambados busca iniciativas diferentes para promocionar o seu comercio local. Concello e Zona Centro propoñen unha actividade innovadora na contorna. Chámase Desmarket, e mesturará no Salón José Peña comercio, moda e deseño con obradoiros, música en directo e espazo gastronómico. Vinte locais cambadeses xa se apuntaron á proposta.

Renovarse ou morrer. Isto é o que deberon pensar o concello de Cambados e Zona Centro á hora de poñer en marcha a acción que hoxe presentaron. Chámase Desmarket, e promete ser unha iniciativa innovadora para promocionar o comercio local.

A pesares das dúbidas iniciais, en seguida os comercios sumáronse á proposta. Xa son vinte os establecementos cambadeses que participarán no Desmarket, que converterá o Salón José Peña nun multiespazo con diferentes disciplinas.

Tamén haberá espazo para os artesáns emprendedores, zonas para concertos en directo, sesións de micrófono aberto, gastronomía e obradoiros.

O Desmarket celebrarase a fin de semana do 29 ao 31 de marzo, e participarán influencers e instagramers de diferentes puntos de España. Para máis información, permanezan atentos ás redes sociais dos organizadores.