![]()
O GROVE> Un mergullador de 22 anos apareceu morto en augas do Grove despois de que saíse a practicar pesca submarina de madrugada.
Os buzos do Grumir do Grove atoparon a última hora da tarde de onte, sobre as 9 e cuarto, o cadáver do mozo nunha pequena cala da praia das Pipas, a dez metros da beira. O falecido é Luís Caneda García, veciño de Reboredo, no Grove, e ó parecer, tras pasar unha noite de marcha cos seus amigos, de madrugada decidiu practicar pesca submarina.
A súa familia decatouse pola mañá de que non durmira na casa e que deixara alí a carteira e o teléfono móbil. Ó non dar sinais de vida, pola tarde denunciaron a súa desaparición ante a Garda Civil. A partir de aí iniciouse unha intensa busca na que participaron efectivos da Garda Civil, Policía Local e Grumir do Grove, apoiados polo helicóptero Pesca I, a embarcación Salvamar Alonso Sánchez, e buzos da navalla e do ourizo.
A un quilómetro da casa do mozo, nun pequeno camiño que conduce á praia das Pipas, atopouse o seu coche, coas chaves postas. Dentro estaban os seus obxectos persoais pero non o traxe de bucear. A busca centrouse logo no mar e pasadas as nove da noite aparecía o cadáver flotando no mar. Luís Caneda levaba posto o traxe de neopreno e aletas de buceo.
Redacción Salnés






