Vilagarcía quere buscar solución á parálise do PXOM para aprobalo neste mandato

VILAGARCÍA > O goberno local de Vilagarcía vai convocar a finais desta semana ós voceiros de tódolos grupos para analiza-las posibles solucións á parálise na elaboración do PXOM da localidade. Trala renuncia da empresa encargada da revisión do Plan Xeral, o executivo de Alberto Varela vai poñer sobre a mesa informes técnicos e xurídicos con alternativas ó problema. A intención de Ravella: aproba-lo novo PXOM neste mandato. Antes de que remate esta semana, Vilagarcía tentará atopar unha solución á parálise que sofre o desenvolvemento do seu plan xeral de ordenación municipal. O alcalde vai convocar ós voceiros dos distintos grupos da corporación para analiza-las posibles solucións á renuncia de EPTISA, a empresa encargada de revisa-lo PXOM. Esa consultora foi adquirida a finais do 2016 por unha empresa chinesa que, despois de comprometerse a remata-lo traballo, anunciou á súa renuncia. Ademais de Vilagarcía, hai outros doce concellos galegos prexudicados por esta situación. Ravella anuncia agora que os informes técnicos e xurídicos sobre as posibles alternativas ó problema están rematados, polo que é o momento de tentar desbloquea-la situación. A solución que propoñen os técnicos permitiría mante-lo calendario previsto, é dicir, logra-la aprobación inicial do documento neste mandato. Esa aprobación inicial permitiría abrir tamén nesta lexislatura un prazo de alegacións, previo paso á aprobación provisional polo pleno vilagarcián, antes de ser ratificado de xeito definitivo pola Xunta.