CAMBADOS> O derbi do Salnés saldouse cun 0-2 a favor do Arousa. Había 11 anos que Cambados e Arousa non se vían as caras en competición oficial e este domingo o reencontro fíxose no campo de Burgáns, con máis de medio milleiro de espectadores.
O Arousa fíxose co partido nos primeiros 20 minutos nos que o Cambados se mantivo pechado no seu campo. Pablo tivo unha clara ocasión pero Felipe evitou o primeiro gol dos vilagarciáns. Inda así foi o Cambados o que tivo mellores ocasións para estrear o marcador. Finalmente foron ó descanso con empate a cero.
Á volta, os locais saíron moi concentrados e na procura do gol e viñeron dúas opcións máis que quedaron en nada. No minuto 59 chegou primeiro gol do Arousa. Un cúmulo de erros da defensa local permitiu a Nelo acabar cun tiro raso que sorprendeu a Felipe.
O partido complicouse para o Cambados no minuto 68 coa expulsión de Melo por un codazo a Oliveira. Carregal deu entrada a Unai, Mon e Eulogio pero o Cambados foi a pola igualada desprotexendo a defensa. No 86 chegou o segundo tanto do Arousa, obra de Adrián Camiño.
PREFERENTE SUR
O Portonovo xogou o sábado en Baltar e salvou un punto grazas ó gol do canteirano Jorge, no minuto 83, ante o Cruceiro de Hío. O forte vento e maila choiva e mailo mal estado do campo desluciron o encontro, que acabou con empate a uns. Os dous tantos foron obra do Portonovo, pero o primeiro, no minuto 29 foi marcado por Solla en propia porta. O Cruceiro acabou o partido con dez pola expulsión de vermella directa de Alberto. O árbitro Fraga Torres tamén expulsou ó delegado do Cruceiro.
O Sanxenxo sumou a súa terceira vitoria consecutiva sen encaixar ningún gol. Nesta ocasión gañou por un gol a cero ó Celanova no campo do Revel. O tanto marcouno Fernando Aguín no minuto 72. O Ribadumia gañou 0-1 no campo do Nogueira. Os de Carducho levaban seis xornadas sen gañar e ademais é a primeira vitoria a domicilio da tempada. O tanto marcouno Borja, de penalti no minuto 21.
PREFERENTE NORTE
A xornada para os equipos do Barbanza en Preferente Norte non arroxa resultados positivos. Catro a dous foi o resultado do encontro desputado nas Pontes entre o equipo local e o Flavia. A pesar da derrota continúa no oitavo posto da clasificación xeral, con vintedous puntos, á cabeza dos equipos da comarca que compiten no grupo norte na Rexional Preferente.
Dous postos máis abaixo, no décimo pero igualado a puntos co Flavia, atopamos ó Noia que nesta xornada empataba a ceros co Chantada. Continuaba así coa mala racha coseitada nas últimas xornadas incapaz de derrotar sequera ó faroliño vermello da competición. En undécima posición, con vinteún pujntos, continúa o Boiro que caeu na casa por cero a un contra o Mesón do Bento.
Para a próxima semana, os padroneses recibirán ó Viveiro, e Noia ós xogadores do Santiago mentres que o Boiro desprazarase ata Sada.
Redacción Salnés