Muros, único concello da comarca con cambio na alcaldía

MUROS/NOIA> Muros e a Noia os puntos quentes estaban precisamente nas cabeceiras de comarca. En Noia foi reelixido coma alcalde, Santiago Freire, grazas ó apoio dos dous edís de Noieses Independentes Agrupados. En Muros, si houbo cambio. María Lago, do BNG, é a nova alcaldesa, grazas ó apoio do PSOE, relegando do cargo á popular Inés Monteagudo.

En Noia a sesión de investidura foi seguida con gran expectación. Foron numerosos os veciños que se achegaron ata o Concello para presenciar a constitución da nova corporación e coñecer ó novo alcalde. Finalmente non houbo sorpresas, e o PP, grazas ós apoios de Noieses Independentes Agrupados, volveu a revalidar a maioría absoluta, outorgándolle a alcaldía a Santiago Freire. No seu discurso mostrou a súa satisfacción polo apoio recibido, anunciando que dende xa comezará a traballar polo ben e a defensa dos intereses dos veciños da vila.

En Muros si houbo cambio de rexedora. O acordo entre Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego, levou á candidata desta última formación, María Lago, á alcaldía, substituíndo neste cargo á popular Inés Monteagudo. Na súa primeira intervención xa como alcaldesa, despois de recibir o bastón de mando, fixo alusión á necesidade de traballar de xeito conxunto coa veciñanza para afrontar os retos que se presentan.

En Outes repetirá outros catro anos Manolo González coma alcalde. Farao grazas ós apoios de BNG e Partido Socialista, con quen xa pactara un acordo previo.

Menor expectación a que se vivía nos plenos de investidura de Lousame e Porto do Son. Alí os actuais alcaldes, Teresa Villaverde, en Lousame, e Luís Oujo, en Porto do Son, os dous do Partido Popular, volverán a gobernar con maioría absoluta outros catro anos máis.