Cinco padexeiros arousáns compiten no Mundial de Moscú

piraguismo250_300709.jpgSALNES> O piragüismo arousán está representado por cinco padexeiros no Mundial júnior que se disputa desde hoxe en Moscú. E entre os favoritos a volver con medalla están Paulino Otero e Gabriel Campo do Náutico O Muíño. Tamén forman parte da expedición española Jacobo Domínguez, Juan Ramón Bayón, e Antonio Lobato.

Ata cinco padexeiros arousáns participan desde hoxe no Mundial júnior de piragüismo que se celebra en Moscú. O Náutico O Muíño de Ribadumia conta cun par de representantes na competición Paulino Otero e Gabriel Campo que formarán o K-4 da selección española con Manuel Robles e Cristian Isaac Toro tanto en cincocentos como en mil metros. A súa condición de campións de Europa sitúaos na lista de principais candidatos a subir ó podio.

O Breogán do Grove estará representado por Jacobo Domínguez, que remará no C-1 en 500 e mil. No C-2 español competirá Juan Ramón Bayón, do Piragüismo Illa de Arousa, xunto a Alfonso Benavides López de Ayala. O quinto padexeiro arousá pertence ó club As Torres Romería Vikinga. Falamos de Antonio Lobato, que remará no C-4 da selección española, xunto a Luis Morais, Carlos Vega e Javier Ramos. Esta canoa competirá tanto en 500 como mil metros.

Por outra banda, David Maquieira, do Náutico O Muíño, gañou xunto ó seu compañeiro David Fernández, do Náutico de Avilés, no control sobre 500 metros realizado en Verducido. A proba fíxose para seleccionar á parella que representará a España no Mundial que se celebrará en Canadá.

Redacción Salnés