![]()
CATOIRA> A internacional romaría viquinga congregou ao pé das Torres do Oeste, a milleiros de persoas para presenciar o desembarco dos normandos.
Outro ano máis, Catoira resistiu o ataque dos normandos que regresaron a Galicia, a través da ría de Arousa, para tentar saquear os tesouros de Compostela. Pero, como se de unha maldición se tratase, de novo foron derrotados polos valentes catoirenses, que facendo fronte as hostes viquingas, loitaron sen tregua, a sabendas de que mesmo poderían perder a vida.
Dende ben cedo, milleiros de persoas agardaban, ao pé das Torres do Oeste, a chegada das embarcacións normandas, uns para gozar co espectáculo do desembarco e outros para loitar na batalla. Contra a a unha da tarde, a escuadra nórdica xa se albiscaba no horizonte e o bramido do corno, chamando aos catoirenses á batalla, comezou a soar. Os invasores e defensores contaron con axuda extra: guerreiros chegados de terras lonxanas, coñecedores do desembarco, non dubidaron en cruzar centos de quilómetros, para combatir a carón de calquera dos dous bandos.
{flowplayer}images/salnes/romariavikingacatoira.flv{/flowplayer}
Malia que o combate foi a vida ou morte, non houbo que lamentar perdas humanas. Ao final, o cansancio de máis dunha semana de festexos e algún que outro exceso co viño puideron cos temibles guerreiros. Un sincero abrazo entre os combatentes selou o enfrontamento que como todos os anos, e xa van corenta e nove, quedou en tablas. Para recuperar forzas, normados e catoirenses únironse nunha comida e posterior verbena que puxo o punto e final, por esta edición, ao programa da "Romaría Vinkinga".
Redacción Barbanza











