BANCARROTA CATOIRA> Catoira pode considerarse na bancarrota. Así de contundente se referiu esta mañá o alcalde da vila á situación económica na que se atopa o municipio. Xoan Castaño, que culpa da mala situación ao exalcalde Alberto García, fala dunha “situación insostible”, cunha débada de 5,7 millóns de euros e moitísimas facturas aínda sen contabilizar. O Ministerio de Facenda ameaza con intervi-lo concello se non se toman medidas antes de que remate o ano. O goberno local reacciona anunciando un plan económico cunha suba xeralizada de impostos.
O Concello de Catoira acumula unha débeda de 5,7 millóns de euros herdados do anterior goberno. Dese montante 800.000 euros son só do último ano de Alberto García como alcalde. A isto hai que engadir aínda moitas facturas que están aínda sen contabilizar.
O nacionalista pon o foco na mala xestión do seu antecesor, con despilfarros e obras faraónicas. Explica que dende xullo o goberno central está retendo xa ao concello case 31.000 euros ao mes das súas transferencias ao municipio, pero agora a situación é límite. Facenda ameaza con intervir o concello se non se toman medidas nos próximos tres meses.
Así que o goberno local reacciona, anunciando un plan económico e financeiro que aprobarán o vindeiro luns en pleno.
O plan contempla unha suba no IBI, que pasa do 0,5 ao 0,6. No imposto de circulación súbese do 1,20 ao 1,5. O lixo pasará de 44 a 53 euros o semestre, mentes que o recibo trimestral de auga, sumidoiros e depuración subirá 8 euros, ata os 59.
E comprométense a ser máis eficientes e a conte-lo gasto naqueles capítulos que sexa posible. O que non recuncia o executivo catoirense é aos asuntos sociais que, subliñan, son algo intocable.











