CALDAS> Caldas lanza un proxecto para a recuperación dos sendeiros da contorna da antiga central hidroeléctrica e da fervenza de Segade. Trátase da primeira fase dun proxecto global que rematará coa posta en valor de máis de 60.000 metros cadrados. O goberno local recoñece que se trata dunha actuación moi ambiciosa que podería culminar dentro de catro anos.
Unha actuación global e respectuosa cunha paisaxe única. Esta é a carta de presentación do proxecto de recuperación da contorna da antiga central hidroeléctrica e da fervenza de Segade, en Caldas. A primeira das súas fases vai comezar no vindeiro mes de xaneiro. Está centrada na posta en valor dos sendeiros da zona, ó que hai que sumar a creación de novos miradoiros, zonas de lecer e aparcadoiros.
O proxecto foi desenvolto polo grupo de investigación da Fundación Juana de Vega. Á hora de artella-lo deseño do futuro espazo, os expertos tiveron en conta o valor medioambiental do lugar, pero tamén o seus recursos patrimoniais, coa fábrica da luz como principal atractivo. A filosofía do preoxecto baséase no ‘menos é máis’: canto menos se altere a contorna, máis rico será o resultado.
Dende o Concello entenden que, con esta actuación, o espazo pasará a ocupar un lugar destacado nos circuítos do turismo industrial, converténdose nun novo polo de atracción de visitantes para a localidade.
Esta primeira fase do proxecto estará rematada na vindeira primavera. Para ve-lo resultado final de toda a actuación, haberá que agardar un pouco máis: o goberno local estima que podería estar rematado por completo ó final do vindeiro mandato, é dicir, no ano 2023, incluíndo tamén a rehabilitación da vella central hidroeléctrica.