Entra en servizo a vía do tren que une a Estación co peirao de O Ramal

    tren_portook_100_060809.jpgVILAGARCÍA> O tren pasará dúas veces á semana ata o vindeiro mes de outubro e obrigará a cortar o tráfico no Ramal.

    O porto de Vilagarcía recupera ata o vindeiro mes de outubro a conexión ferroviaria entre o peirao do Ramal e a estación de tren de Vilagarcía. O servizo será utilizado tódalas semanas para dar saída a unhas trinta mil toneladas de cebada. En principio, está previsto o paso de dous trens á semana, cada un deles composto por un total de 15 vagóns. A mercancía, consignada pola empresa P&J Carrasco, terá como destino Salamanca, onde se utilizará para fabricar biodiésel. En cada viaxe transportaranse unhas mil toneladas de cebada.

    Segundo indica a Autoridade Portuaria, a dispoñibilidade do transporte ferroviario foi determinante para recibir esta mercancía no porto, a onde chegará en sucesivos barcos, ó longo das vindeiras semanas. Engade o Porto que a saída do cereal por tren é máis barato que facelo por estrada, o que lle permite será máis competitivo.

    O uso da vía férrea entre a estación e o porto obrigará a cortar o tráfico na zona do Ramal para permitir o paso do convoi. Para minorar as repercusións estanse a coordinar a Policía Portuaria e o persoal de mantemento do porto coa Policía Local.

    Este anuncio foi aproveitado pola Autoridade Portuaria para advertir da necesidade de ampliar o actual trazado do ferrocarril do porto ata a zona sur, xa que nos últimos anos a actividade estase a concentrar nos peiraos de Ferrazo, Comboa e Comercial. O Consello de Administración xa ten aprobada unha alternativa e as obras están incluídas no Plan de Empresa deste ano e pendentes de licitar.

    Redacción Salnés