Vilagarcía estende a humanización das rúas ás parroquias

    VILAGARCÍA> O concello de Vilagarcía continúa coa súa aposta pola humanización das rúas do municipio. Se o plan está xa implantado en varias rúas do centro da cidade, unha vez que remate a peonalización da zona das Prazas de Galicia e a Independencia, a intención de Ravella é trasladar este modelo ás parroquias de Carril e Vilaxoán. É sen dúbida un dos grandes obxectivos do goberno que dirixe Alberto Varela en Vilagarcía, converter a cidade nun espazo para as persoas, e non para os vehículos. Un modelo humanizado de cidade, que terá como próximo paso a contorna das prazas de Galicia e a Independencia, pero que tamén, desde Ravella teñen pensado ampliar ás parroquias do concello, en concreto a Carril e Vilaxoán. Paola María asegura que están a analizar as dúas intervencións economicamente, para tomar a mellor decisión. Actuacións, tanto as de Carril como as de Vilaxoán, que realizarán con fondos Feder pero non descartan outro tipo de axudas. A humanización non implica sempre a peonalización total das rúas, senón que implica tamén o adecentamento das mesmas. Nestes momentos o asunto está en mans do arquitecto municipal que analiza as actuacións a realizar, e que previsiblemente comezarán en Carril pola rúa Aduana, paralela á xa peonalizada rúa do Carme.