Durán mantén o pulso e négase a convocar o pleno de organización da Mancomunidade do Salnés

O SALNÉS> Gonzalo Durán mantén o pulso. O presidente en Funcións da Mancomunidade do Salnés négase a convoca-lo pleno de organización do ente comarcal ata que chegue a resolución xudicial sobre a elección do representante de Meaño. Lembramos que o PP daquela localidade cedeu o posto a un membro do PSOE. Durán tacha de tránsfugas ós socialistas e indica que o que pretende facer esa formación coa Mancomunidade dálle noxo.

A petición do PSdeG de convoca-lo Pleno de Organización da Mancomunidade do Salnés terá que agardar. O seu presidente en funcións non dá o brazo a torcer e di que ata que chegue a resolución xudicial sobre o representante de Meaño non pensa convoca-la sesión.

Durán pídelle ós alcaldes socialistas da comarca do Salnés que dean a cara e digan se están de acordo co ocorrido en Meaño, onde o PP entregou o seu representante ó PSdeG. O vilanovés tacha de transfuguismo ese capítulo e insta ós rexedores do PSdeG a que digan se lles parece ben facerse co control da Mancomunidade deste xeito.

Gonzalo Durán di textualmente que “sen o roubo de Meaño” o ente comarcal continuaría en mans do PP, porque volveu se-lo partido máis votado na comarca. Acusa ó PSdeG de querer silencia-la compra do representante socialista de Meaño. Tacha aquela operación de” vergoñenta”.

O actual presidente en funcións da Mancomunidade acusa ó alcalde meañés, do PP, de terlle arrebatado o control do organismo ó seu propio sentido. Sobre o futuro de Carlos Vieitez, Durán avanza que en setembro podería quedar resolto o seu expediente, que está sendo analizando na Sede Nacional do PP. Polo de agora, o rexedor continúa suspendido de militancia.