O persoal de Armarios Alonso informa ós turistas da súa situación

    conflito_armarios_alonso100.jpgSANXENXO> Os traballadores de Armarios Alonso sacaron hoxe a súa protesta á rúa. Equipados con pancartas e camisetas con lemas alusivos …

    {flowplayer}images/salnes/conflito_armarios_alonso.flv{/flowplayer}

    SANXENXO> Os traballadores de Armarios Alonso sacaron hoxe a súa protesta á rúa. Equipados con pancartas e camisetas con lemas alusivos ó conflito dedicaron esta mañá a dar a coñecer a súa situación laboral ós veciños e turistas que paseaban por Silgar, no concello de Sanxenxo.

    Son 39, os traballadores que denuncian á empresa por deixalos tirados na rúa sen darlles a carta do despido. Nos panfletos que repartiron hoxe acusan ó empresario, que é veciño de Sanxenxo, de telos xa cinco meses sen cobrar.

    Esta semana, o comité de empresa recibiu o compromiso do delegado territorial da Xunta en Pontevedra de mediar no conflito. Pero, a día de hoxe, os traballadores seguen sen saber nada do empresario. Sospeitan que os quere cansar para que se vaian polo seu propio pé, mentres trata de sacar partido dos terreos que ten en Nantes.

    Os traballadores din estar fartos de que lles obriguen a ir traballar de seis da mañá a dúas da tarde, pese a que están pechados os postos da fábrica, tanto en Sanxenxo como en Cambados. E iso que a Consellería de Traballo instou o luns ó empresario a abrir de novo.

    Os representantes dos empregados e do empresario continúan sen chegar a acordo nas negociacións do Expediente de Regulación de Emprego extintivo que Armarios Alonso pretende levar a cabo. A empresa ofrece 36 días de indemnización por ano, algo que o persoal non acepta xa que cren que non existen garantías xurídicas no cobro desas indemnizacións. Tamén lle piden ó empresario o pago das mensualidades que lles debe.

    Redacción Salnés