A Seguridade Social desbloquea as contas de Coinba tralo peche das traballadoras na súa sede

VILAGARCÍA> As traballadoras de Coinba conseguen que a Seguridade Social desbloquee as contas da empresa. Este mediodía pecháronse na oficina do organismo en Vilagarcía como medida de presión. O embargo do ente público impedíalles cobrar as nóminas deste mes.

A Seguridade Social desbloquea as contas de Coinba. Fíxoo despois de que as traballadoras se pecharan na sede do organismo en Vilagarcía como medida de presión ata ser atendidas.

Tanto o xulgado do mercantil como o administrador concursal xa presentaran escritos na Tesourería reclamando o desbloqueo das contas da empresa, que se atopa en concurso de acredores e ten contraída unha débeda coa Seguridade Social. Porén, dende a CIG aseguran que a medida poñía en risco a fábrica e as traballadoras.

Esta non foi a única boa nova que recibiu o cadro de persoal da factoría de Vilaxoán. Esta mañá reuníronse co administrador concursal que lles deu boas perspectivas sobre o futuro de Coinba. Aseguroulles que a súa aposta pasa por salvar a unidade produtiva.

O peche de hoxe foi a primeira das mobilizacións que as traballadoras manterán para defender os seus postos de traballo, tal e como anunciaron o pasado venres.