A ILLA> A consellería do mar destinará 500 mil euros para a recollida do lixo mariño nos exercicios 2020 e 2021. Con esta nova orde búscase colaborar coas ONGs e co sector pesqueiro no coidado do medio mariño. A conselleira tamén anuncio unha nova lista de axudas para a rexeneración dos bancos pesqueiros.
A consellería do mar volve a mostrar o seu compromiso co coidado do medio ambiente na recollida do lixo mariño. Dentro do Plan Mar Limpo, a consellería poñerá en marcha unha nova convocatoria para axudar a proxectos de colaboración con ONGs e co sector pesqueiro no coidado do medio mariño. As achegas cofinaciadas polo Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro teñen un orzamento de 500 mil euros para os exercicios de 2020 e 2021.
A conselleira visitou esta mañá a Illa de Arousa para reunirse coa directiva da confraría de pescadores San Xulián. Nesta visita, Rosa Quintana, tamén adiantou a convocatoria dunhas axudas para a rexeneración dos bancos marisqueiros. A orde terá un orzamento de 300 mil euros.
Dende a Illa de Arousa destacaron a importancia que estas axudas terán para o sector.
Na actualidade, na Ría de Arousa o banco máis produtivo está sendo o dos Lombos do Ulla, mentres que Cabío e o Bohído están a ter máis dificultades. En canto á recollida de lixo, a Illa foi un exemplo de traballo neste campo. Dende a confraría crearon unha páxina de Facebook para localizar e retirar os argueiros das praias, chegando a recoller ata 2 mil quilos de lixo nalgunha semana.