SANXENXO> O alcalde de Sanxenxo defende a súa inocencia. Telmo Martín, propietario dun terzo da empresa Construcuatro, rexeita as acusacións de sobreprezos nos pisos de Navia. O popular explica que ese caso xa está saldado, coa multa 2,4 millóns de euros que a construtora terá que pagar por unha falta administrativa. O rexedor engade que non vai aceptar que os seus rivais decidan que responsabilidades políticas ten que asumir. Di que iso é unha cousa del e dos seus votantes.
Por activa e por pasiva, o alcalde de Sanxenxo defendeu hoxe a súa inocencia. Telmo Martín, cos autos xudicias na man, defendeu que el nunca estivo imputado no caso dos sobreprezos dos pisos de Navia, polo que a empresa Construcuatro, da que o rexedor posúe un terzo- terá que pagar unha multa de 2,4 millóns de euros por unha falta administrativa. Segundo indicou, a xustiza acordou ata en dúas ocasións o sobresemento ó non atopar indicios de delito: primeiro o xuíz que instruíu a denuncia e despois tres maxistrados da Audiencia de Pontevedra.
O rexedor apuntou que nas vivendas de Navia non houbo sobreprezos, senón que as construcións inclúan melloras acordes ó prezo solicitado, un suposto que -segundo engade- coñecían os compradores. Martín engade que non vai aceptar que os seus rivais decidan que responsabilidades políticas ten que asumir. Di que iso é unha cousa del e dos seus votantes.
O rexedor popular non quixo avanzar se se presentará ou non ás elecións municipais de 2019, porque, segundo indicou, polo de agora está centrado no traballo do concello, sen pensar no seu futuro político.