![]()
SALNÉS> Volve a Liga Galega de Traíñas tras o parón propiciado pola disputa do Campionato de España. Mañá sábado disputarase a Bandeira Concello de Redondela e o domingo a do concello de Oleiros. Cabo de Cruz defende liderato e Mecos prepárase para o asalto á terceira posición.
Tralo Campionato de España, volve a Liga Galega de Traíñas. Mañá viaxa ata o territorio de Chapela, na que será a XXIII Bandeira Concello de Redondela. A regata dará comezo ás 11:00. A do domingo, XIX Bandeira Concello de Oleiros, iníciase ás 11:30 e está. organizada por Perillo. Será unha boa ocasión polo tanto para as traíñas que exercen de anfitrionas saquen algo positivo.
Chapela é terceira e estase a descolgar con respecto á cabeza, mentres que Perillo, cos mesmos puntos, vai de menos a máis. Así e todo, nesa batalla pola terceira praza da xeral que se está a librar arestora, tamén entra Mecos. Os de Benigno Sánchez terán ó seu favor que a semana pasada non fixeron parón porque disputaron os nacionais, e tamén que veñen de impoñerse na última bandeira celebrada, o Teresa Herrera. Os grovenses son quintos, aínda que a tan só catro puntos de Chapela e Perillo.
Outra loita será a de arriba. Cabo de Cruz mantense intratable no liderato, e tras poder distanciar minimamente a Náutico de Vigo, xa non queren que se lles achegue. Parte con sete puntos de vantaxe a día de hoxe e a intención é mantelos ou incrementalos esta fin de semana.
Tamén Amegrove se atopa nun gran momento de forma polo que se conta con ela como posible candidata á victoria nalgunha das dúas bandeiras. Por detrás, Vilaxoán, Ares, Puebla ou Esteirana, intentarán subir un escalón no seu rendemento para estar o máis adiante posible.
Redacción Salnés









