Os veciños de Manle denuncian o abandono do lugar

NOIA> Un grupo de veciños de Manle, na parroquia noiesa de Barro, veñen de mostrar o seu malestar polo estado de abandono no que se atopa o lugar. Entre outros aspectos demandan o desbroce de viais e a limpeza das cunetas.

O tránsito polos diferentes camiños da aldea, supón cada vez un maior risco, tanto para peóns como para vehículos. A maleza existente invade boa parte da estrada deixando apenas espazo para andar ou circular. A pesar de terllo solicitado en máis dunha ocasión no Concello, que se proceda ó desbroce dos viais e a limpeza das cunetas, a situación a día de hoxe segue igual, ou se cadra peor.

Tamén denuncian maior vixilancia e control dun vertedoiro incontrolado que se atopa nas inmediacións.

Todas estas situacións fan que se sintan discriminados en relación a outras zonas do Concello.

Dende o Concello piden disculpas por esta situación, argumentando que o plan de desbroce e limpeza de cunetas e viais se vén realizando dende hai varios meses. Ainda así estes traballos intensificaranse en breve coa contratación dunha cuadrilla específica para este fin a través do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña.