A Mancomunidade repartirá láminas do castelo de Lobeira nos colexios

    VILANOVA> Que os escolares coñezan a historia de Lobeira e como foi a antiga fortaleza. Este é obxectivo que se marcou a Mancomunidade do Salnés coa edición de 1.500 carteis que repartirán polos concellos da comarca. Recuperar este vestixio arqueolóxico segue entre as prioridades da entidade, e niso está a traballar coa Deputación de Pontevedra. Agardan que no verán xa se poidan ver cando menos as bases das murallas do castelo e potencialo como atractivo turístico. A comunidade de Montes de Lobeira vén de remitir á Mancomunidade unha serie de correccións ó convenio proposto pola Deputación de Pontevedra para sacar á luz os restos da antiga fortaleza. O ente comarcal xa transmitiu estas modificacións ó provincial e agardan que en breve se dispoña do permiso para empezar cos traballos arqueolóxicos. Convencidos dese interese turístico, desde a Mancomunidade confían en que nos vindeiros meses se lle dea un pulo a esas investigacións arqueolóxicas, para no verán poder ver xa algúns dos restos, e aproveitar o paso da Volta ciclista a España para sacarlle partido promocional. Dalo a coñecer ós visitantes, pero tamén, e sobre todo, ós veciños da comarca. De aí que, baseándose na reprodución en 3D que realizaron sobre o edificio, elaboraran unhas láminas coa reconstrución do castelo que distribuirán entre os centros educativos da comarca. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/01xaneiro/31/laminaslobeira.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/01xaneiro/31/LOBEIRA_VILANOVA_310114.mp4{/flowplayer}