O Salnés recibirá 15 millóns do Estado no ano 2010

    orzamento100_300909.jpgSALNÉS> O proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado para o 2010 prevé destinar esta cantidade á comarca do Salnés. Os socialistas pontevedreses, satisfeitos.

    Os Presupostos Xerais do Estado para o vindeiro ano adxudican á comarca do Salnés algo máis de 15 millóns de euros. Segundo contempla o proxecto, as partidas máis destacadas corresponden a iniciativas do Ministerio do Interior, Fomento e Medio Ambiente. Entre elas, prevese destinar un 1,5 millóns de euros á construción do novo cuartel da Garda Civil de Vilagarcía. Capítulo importante teñen tamén as actuacións nas estradas e en materia de Seguridade viaria, como os catro millóns e medio de euros adxudicados para seguir coa execución do vial de acceso ó Porto de Vilagarcía. Unha cifra similar corresponderíalle ó parque empresarial de Abalo, para a edificación de catorce naves. En materia mediambiental, o groso das iniciativas corresponden a obras de reposición e conservación do litoral, deslindes, adecuación de camiños litorais ou novas infraestruturas costeiras.

    Coa crise como telón de fondo, os socialistas pontevedreses amósanse máis que satisfeitos ante estes orzamentos. Aseguran que estes quince millóns de euros demostran que o Goberno Central segue a apostar polo investimento público e as iniciativas sociais a pesar das dificultades económicas. A cara oposta da moeda amósaa o Partido Popular. A través dun comunicado de prensa, o vicepresidente do PP Provincial de Pontevedra, José Manuel Figeroa, considera estes quince millóns de euros insuficientes e discriminatorios. O popular considera que estes recursos non acadarán para levar a cabo tódalas obras de primeira necesidade que precisa Pontevedra. Máis grave consideran a partida destinada ó AVE, escasa, segundo Figueroa, para que os traballos estean rematado no 2015 tal e como prometeu o Executivo Estatal.

    Redacción Salnés