Arousa e Arenteiro protagonizarán o partido da xornada

futbol250_091009.jpgSALNÉS> Na Terceira, Céltiga e Vilalonga xogan fóra da casa, visitan dous campos complicados. Na Preferente Sur, o partido máis interesante será o que xoguen na Lomba Arousa e Arenteiro, primeiro contra segundo.

En busca da terceira victoria consecutiva. Así viaxa ó Manuel Anxo Cortizo un Vilalonga en plena recuperación para enfrontarse ó Lalín. Os do Deza levan nas últimas semanas a traxectoria oposta ó seu rival do domingo, tres derrotas seguidas. Nese espazo de tempo os celestes sumaron sete dos seus oito puntos, os mesmos que ten o conxunto de Acevedo. Será un choque de estilos: o futbol directo do Lalín polo conbinativo dos de Gabi Leis. O técnico pontevedrés non poderá contar con Nano e Manu Rodríguez, ambos lesionados, nin tampouco con Lozano, que cumprirá sanción. Leo e Sarró postúlanse como os seus posibles substitutos aínda que ningún dos dous está ó cen por cen por diferentes molestias que arrastran.

O Céltiga pola súa parte visita o Baltasar Pujales para enfrontarse ó Rápido de Bouzas. Os de Pablo Vázquez queren romper canto antes cunha xeira que canda menos é preocupante: aínda non marcaron fóra da casa. Os últimos partidos como locais nos que gañaron deixaron no equipo certa tranquilidade, porque a sabendas de que poden practicar un futbol moito máis vistoso, a calidade que atesouran sírvelles para sacar adiante encontros complicados. Das catro veces que se enfrontaron ambos conxuntos na Terceira e en Vigo, dúas victorias para os locais, un empate e un triunfo para os da Illa.

Mentres a Preferente Sur agarda con impaciencia o primeiro gran partido do ano. O líder recibe na casa ó segundo clasificado, ou o que é o mesmo: Arousa – Arenteiro. Os vilagarciáns non saben o que é perder aínda que este será o seu primeiro duelo ante un dos fortes da categoría, que lles permitirá calibrar forzas. Mentres, no Carballiño encendeuse a alarma; tralas catro primeiras victorias no campionato, un empate e unha derrota ante Tomiño e Barbadás frearon a euforia. Un conxunto de moita experiencia e sobrada calidade, non en van é un calco do Verín que o ano pasado acadou a permanencia na Terceira, medio plantel procede do José Argiz. Medirase ademais o mellor ataque contra unha das mellores defensas.

Esta semana deixaranos un Portonovo- Marín en Baltar, duelo entre dous equipos que están a decepcionar neste inicio de campaña. O Cambados recibirá en Burgáns a outro candidato ó ascenso como o Gran Peña, coa intención de seguir sendo forte na casa. Mentres Sanxenxo e Ribadumia buscarán escapar dos postos de descenso: os de Calucho reciben ó Tomiño e os de Carducho viaxan ó Morrazo para enfrontarse ó Cruceiro.

Tódolos encontros dos equipos do Salnés serán ás cinco da tarde excepto o do Céltiga que comezará unha hora despois.

 Redacción Salnés