Visto para sentencia o xuízo polo secuestro de José María Cacabelos

    xuizo_secuestro_cacabelos_100_131009.jpgPONTEVEDRA> A Fiscalía solicita un total de 17 anos e 3 meses de prisión para os tres mozos procesados por reter no 2006 a este construtor de Meaño.

    {flowplayer}images/salnes/131009_XUIZO_SECUESTRO_CARABEL.flv{/flowplayer}

    Diego Roel Cardama, de 26 anos e veciño de Meaño. Omar Bajo Rodríguez, 27 anos e orixinario de Redondela e Marcos Antonio Vázquez Habas, vigués de 29 anos. Os tres mozos comparecían esta mañá ante a Audiencia Provincial de Pontevedra acusados de secuestrar hai tres anos e medio a José María Cacabelos, construtor de Meaño. Na primeira xornada do xuízo o fiscal rebaixou as penas solicitadas para dous dos acusados: Omar Bajo e Marcos Antonio Vázquez. Para cada un deles pide seis anos de prisión por un delito de secuestro, dous menos que nun principio, e seis meses por roubo fronte ós 15 que solicitara no seu momento. Pola contra mantén a petición de catro anos de cárcere por secuestro e tres meses por roubo para Diego Roel. A este aplícalle un atenuante por ter indemnizado xa á vítima con 54.000 euros polo que lle puidera corresponder da devolución do rescate e reparación de danos.

    O Ministerio Público tamén pide que os acusados abonen solidariamente os 40.690 euros pendentes do pago polo rescate máis 5.000 euros en concepto de danos. Tanto o avogado do empresario secuestrado como a propia vítima amosáronse satisfeitos coa decisión da fiscalía. Os tres mozos, actualmente en prisión, admitiron os cargos que se lles imputan e as penas solicitadas pola fiscalía, de aí que o xuízo quedara xa visto para sentencia.

    Por outra banda parece que a existencia dun cuarto implicado no secuestro, do que se falaba nun principio, quedou descartada tralas investigacións encabezadas pola fiscal de Cambados Carmen Díez.

    Cinco horas de cautiverio

    O secuestro de José María Cacabelos tivo lugar o 9 de marzo do 2006. Ese día, un dos procesados, Marcos Antonio Vázquez, citou a Cacabelos nun bar coa escusa de levalo ata unha finca de Mosteiro na que quería comezar unha obra. Xuntos foron ata a parcela onde os agardaban os outros acusados, Omar Bajo e Diego Roel, que acorralaron ó empresario tirándoo ó chan e maniatándoo. De alí trasladárono a un galpón en Vilaboa onde supostamente o ameazaron e golpearon para logo pedir un rescate á súa familia, 100.000 euros que o fillo de Cacabelos entregou ás poucas horas. Unha vez obtiveron o botín, os tres mozos repartíronse os cartos no piso de Marcos Antonio e liberaron ó empresario no club Edén de Vilaboa. En total unhas cinco horas de cautiverio nas que Cacabelos sufriu feridas de diversa consideración e estrés postraumático.

    Redacción Salnés