CAMBADOS> A veciñanza de Cambados poderá obter ou renovar o seu DNI ou pasaporte sen saír da vila. A Policía Nacional ofrecerá no municipio un servizo para facer todo tipo de trámites relacionados con esta documentación. Trátase dunha prestación que se ofrece naqueles concellos onde non hai comisaría. A partir de marzo a unidade móbil desprazarase a Cambados de forma periódica en función da demanda.
Ata o de agora toda a veciñanza de Cambados, así como doutras vilas da contorna, teñen que desprazarse ata a comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía ou Pontevedra para facer trámites relacionados co DNI ou o pasaporte. Pero axiña a veciñanza de Cambados poderá obter ou renovar esta documentación sen saír da vila. Todo grazas a un servizo móbil que ofrece a Policía naqueles lugares onde non hai comisaría.
O concello contará con este servizo logo dunha reunión entre o alcalde con representantes da Policía Nacional.
Samuel Lago destaca a comodidade que supón para a veciñanza non terse que desprazar para facer estes trámites.
O servizo ofrecerase de forma periódica en función da demanda, de forma mensual ou quincenal. As primeiras citas xa se poden tramitar a través do Servizo de Padrón de Habitantes do Concello.











