Ravella require información á empresa do aparcamento Xoán XXIII

    parking_xoan_xxiii100.jpgVILAGARCÍA> O Concello de Vilagarcía requiriu ante notario á empresa Proinsa que cumpra o horario do aparcamento de Xoán XXIII.

    Entre as condicións da explotación figura que o estacionamento debe abrir a lo menos 16 horas diarias, pero desde hai case un ano Proinsa faino só durante 14 horas, de luns a venres, e nas fins de semana e polas noites, ten pechado o estacionamento, agás para os abonados.

    Tendo en conta, que ata o de agora, o Concello carece de calquera información directa da empresa, a alcaldesa decidiu conceder un prazo de dez días para que Proinsa lle presente as alegacións oportunas sobre dúas cuestións. Por unha banda, o Concello quere coñecer directamente dos responsables de Proinsa cales son as súas expectativas empresarias para o aparcamento de Xoán XXIII. Pola outra, quere información do xulgado que tramita o plan de pagos ós acredores e da entidade bancaria que no seu día lle concedeu unha hipoteca á empresa.

    Di o goberno local, que mentres estas dúas cuestións non se resolvan, vai ser difícil tomar outro tipo de medidas, como recuperar a concesión. Ademais, fálase de que a empresa podería declararse insolvente, polo que desde o Concello advirten que calquera novo concesionario tería que facerse cargo da hipoteca que pesa sobre o aparcamento.

    Redacción Salnés