O Solifesti de Meis desata unha onda de soliedariedade a prol do pequeno Leo

MEIS> Meis prepárase para a volta do Solifesti. O evento solidario vaise celebrar este venres, apoiando ao pequeno Leo. Trátase dun veciño da localidade que sufre unha enfermidade rara e que está á espera dun trasnplante de pulmón. O alumnado do centro está a recadar fondos a través da venda de camisetas ou rifas. Dende o centro indican que a onda de solidariedade está a ser enorme.

O Solifesti volve a Meis con máis enerxía ca nunca. Tralo parón pola pandemia, a iniciativa solidaria regresa centrando os seus esforzos para axudar ao pequeno Leo. É un veciño da localidade que sofre unha enfermidade rara: ten un déficit de proteína B. Logo de dous intentos fallidos, segue agardando por un trasplante de pulmón. Unha operación que só se pode facer en Barcelona. El e a súa familia están alí esperando a recibi-la chamada, co gasto que iso implica.

E unha vez Leo supere todo isto, a familia comprométese a entrega-los cartos que sobren a causas como a súa.

Detrás do Solifesti está o alumnado e profesorado do colexio do Mosteiro. Están a recadar fondos para Leo a través da venda de camisetas, pulseiras e rifas. O propio venres tamén haberá outros xeitos de colaborar durante o festival, como varios sorteos. No centro avanzan que a vaga de solidariedade está a ser masiva.

O Solifesti sérvelle á rapazada deste colexio para tomar conciencia sobre a necesidade de axudar a aquel que o precisa.

O Solifesti contará con varias actuacións musicais, entre elas a de Dani Barreiro, Galifunk ou Quilma. Beni do grupo IGloo tamén participará, neste caso, contando tamén coa participación da rapazada.  Na iniciativa tamén colabora a ANPA do colexio, a Asociación A Baralla e o Concello de Meis. A súa alcaldesa quixo hoxe trasladar á familia unha mensaxe de ánimo.

Na última edición do Solifesti, no 2019, recadáranse fondos para unha familia de Meis á que lle ardeu a casa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí