Ó Céltiga bástanlle quince minutos para levarse os puntos

futbol250_021109.jpgSALNÉS> Os de Pablo Vázquez impuxéronse ó Negreira (2-0) con tantos de Roberto e Manuel. O Vilalonga non pasou do empate fronte o Vilalbés, mentres que na Preferente Sur,  Ribadumia e Cambados repartironse os puntos no derbi da Senra.

Suma e segue para o Céltiga. Sen facer un partido perfecto, nin un xogo vistoso, os da Illa sí que foron prácticos para levarse os tres puntos ante un rival que se presume da súa liga como o Negreira (2-0).

Os de Pablo Vázquez tiveron o acerto nos compases inciais do partido para facer dous tantos no primeiro cuarto de hora que foron decisivos. Primeiro de Roberto, ós 11′ e tres máis tarde de Manuel, ambos xerados en xogadas a balón parado.

A partir de ahí, os locais a defender e os visitantes a tratar de reducir diferencias. O traballo defensivo do Céltiga foi bo e agás un par de sustos na segunda metade, un resolto por Marcos con brillantez e o outro repelido polo longueiro, a victoria non estivo en perigo. Tres puntos máis que os deixan novenos na xeral, lonxe aínda do cuarto posto e á espera de visitar a semana que ven ó líder Depor B.

O Vilalonga pola súa parte non pasou do empate na casa ante o Vilalbés (1-1), se ben o punto pode darse por bo porque a tres para o remate os de Gabi Leis ían por debaixo no electrónico. Foi entón cando Saúl igualou un marcador que fora desnivelado polo visitante Dani no minuto 32.

Se cadra os celestes mereceron máis polo xogo amosado. Tiveron a posesión e tiveron máis ocasións que unhas veces pola falta de puntería e outras polo acerto visitante á hora de defender non remataron en gol. Pese a deixar escapar dous puntos de San Pedro, o Vilalonga continúa nunha zona tranquila da táboa.

As boas novas: que suma xa sete xornadas sen perder e a recuperación de Manu Rodríguez no centro do campo. Entrou a segunda parte e deulle un salto de calidade ó equipo. Xunto a el, o lateral italoarxentino Leo completou un encontro para enmarcar.

REPARTO DE PUNTOS NO DERBI DA PREFERENTE SUR

Na Preferente Sur tivemos derbi na Senra onde Ribadumia e Cambados empataron a un gol. Resultado xusto polo visto sobre o céspede xa que os locais dominaron na primeira metade, adiantáronse con gol de Manu Sieiro, e os visitantes foron mellores na segundo tempo e igualaron o marcador con tanto de Melo. Os de Carducho continúan en postos de descenso.

Polo demais, dúas victorias e unha derrota. Gañou o Portonovo a domicilio ó potente Arenteiro. Os de Rial afrontaron o encontro practicamente en cadro polas lesións pero foron moi superiores ós de Carballiño; 0-3 con goles de Guimeráns e Diego Cebreiro, por partida dobre. Unha victoria ante un candidato ó ascenso que lles dará moita moral para os vindeiro choques.

Tamén venceu o Sanxenxo ante o pechacancelas Nogueira de Ramuín, por 1-3, con dous goles de Cuchi e outro de Juan polo que se sitúan xa en metade de táboa.

A mala nova deuna o Arousa que caeu goleado no campo de Barbadás por 4-1 e cae ata a sexta posición. Os erros defensivos condenaron os de Ricardo.

Redacción Salnés