Amador Pena e María González vencedores do I Trail Castro Barbudo

RIANXO> A carreira, disputada este domingo, era a última das citas do circuíto Arousa-Revolutrion Trail Series, tras as probas celebradas en Ribeira, Pobra do Caramiñal e Boiro. Uns 285 corredores, sumando categoría masculina e feminina, participaron onte domingo no I Trail Castro Barbudo. A saída da proba, a última das catro das que constou este ano o circuíto Arousa-Revolutrion Trail Series, tiña lugar nas inmediacións de Campo Maneiro, lugar fixado tamén para a chegada. Como veu acontecendo tamén nas probas anteriores a carreira estivo moi condicionada pola metereoloxía. Aínda así o vento e a chuvia, que apenas cesou durante toda a proba, non impediron que se vira un bo espectáculo, máxime pola beleza do trazado polo que discorreu a carreira. Na categoría masculina o vencedor foi Amador Pena do Vagalume Energía, cun tempo de 01:02:20. Por detrás del, a tan só 26 segundos de diferenza, Lois Rodríguez do Revolutrion Trail e Samuel Saborido do Tribu Trail. En canto á categoría feminina a gañadora foi María González que entrou na liña de meta cun tempo de 01:18:57. En segunda posición entrou Lara Buig e de terceira Silvia Calvo. A proba de onte serviu ademais para determinar ós gañadores do circuíto Arousa-Revolutrion Trail Series. Na categoría masculina o premio foi para o padronés Lois Rodríguez, dominador do circuíto, ó ser o vencedor en tres das catro probas disputadas. Acompañándoo no podio Ramón Folgar e Jorge Manuel García. En categoría feminina a vencedora do circuíto foi María González, seguida de Laura González e María Begoña Cajade. A carreira celebrouse sen ningún incidente de consideración e os atletas participantes destacaron, tanto o alto nivel organizativo coma a espectacularidade do percorrido. A organización da proba, a asociación Arousa NEO, xa están a pensar na próxima edición dado o éxito acadado con máis de 1.200 participantes sumando as catro probas disputadas. Unha cifra que evidencia claramente o auxe que están a ter este tipo de probas na actualidade. Os amantes do trail terán unha nova cita o próximo día trinta de abril coa disputa da cuarta edición do Ultratrail do Barbanza, de longa distancia, con dous percorridos, un de trinta e cinco quilómetros e outro de sesenta, con saída e chegada en Ribeira. A inscrición xa pode realizarse a través da web www.arousa.com.