Fin de semana crítico na Vía Rápida de O Salnés

    accidente_salnes_100_021109_copia.jpgCAMBADOS> Cinco persoas feridas, dúas delas con prognóstico grave, é o resultado dos dous accidentes de tráfico rexistrados o sábado.

    {flowplayer}images/salnes/021109_accidente.flv{/flowplayer}

    Pasaban uns minutos das cinco da tarde cando tiña lugar o primeiro dos sinistros. Un Citroen C3 e unha furgoneta Iveco colisionaban no quilómetro 4 da autovía do Salnés, á altura da gasolineira de Cambados. Ó parecer, segundo o testemuño de familiares próximos ós ocupantes do C3, un vehículo abalanzouse sobre o Citröen desprazándoo cara a furgoneta coa que finalmente chocou. Ámbolos dous ocupantes do C3 resultaron feridos de gravidade. O condutor, José Manuel Vilanova Peña, é un recoñecido psicólogo e pedagogo afincado na Coruña e tío do empresario de Ribadumia José Luís Vilanova Peña. Con el viaxaba a súa dona, que tivo que ser excarcerada de entre a morea de ferros á que quedou reducida o coche. O seu estado é nestes momentos o máis preocupante, Tivo que ser operada de urxencia o mesmo sábado para realizarlle unha extirpación de bazo, e arestora permanece ingresada no Hospital de Montecelo en Pontevedra con prognóstico grave. O seu marido foi trasladado ó Hospital Domínguez, onde onte era intervido por unha perforación intestinal.

    Xusto despois deste sinistro, a pouco menos de 30 metros, producíase o segundo dos choques, de novo con dous vehículos implicados: un Opel Kadett, conducido polo fillo do matrimonio que viaxaba no Citröen, e un Mercedes. Tamén neste caso os bombeiros do Salnés tiveron que excarcerar ós dous condutores, que presentan diversas lesións traumatolóxicas.

    Polo momento aínda non están claras as causas dos accidentes, pero o feito de que se produciran a tan poucos metros de distancia fai pensar na posibilidade de que a primeira colisión dese pé á segunda. Tralos choques, o tramo da vía rápida comprendido entre a rotonda de Barrantes e Cambados permaneceu pechado á circulación durante tres horas, o tempo que tardaron os equipos de rescate en retirar os vehículos da estrada e limpar o firme. O aparatoso dos sucesos fixo que nun primeiro momento, ademais das ambulancias e persoal sanitario se desprazase un helicóptero de urxencia, que finalmente non puido intervir ó parecer debido ó mal tempo.

    Redacción Salnés