Candea agradece o éxito do Ano Cabanillas á comunidade educativa

    candea_cabanillas_100_031109.jpgCAMBADOS> Máis de dous mil alumnos de 21 centros do Salnés participaron nas homenaxes ó poeta da raza.

    Máis de dous mil alumnos de 21 centros educativos do Salnés, mestres, pais, nais, avós, pintores, poetas, fotógrafos… A Asociación Candea, en sintonía co concello de Cambados, conseguiu que o 50 aniversario do pasamento de Cabanillas implicase a gran parte da sociedade do Salnés. Por iso, co ciclo de homenaxes case concluído, a valoración realizada polo colectivo de ensinantes non pode ser máis positivo. Candea presentou a Memoria de todos estes traballos no CEIP Antonio Magariños de Cambados, un dos participantes nas homenaxes ó poeta da raza. No caso deste colexio centráronse nas actividades vencelladas ás artes plásticas. Tamén elaboraron unha biografía a partir de recortes de xornais doutras épocas, ilustracións das súas obras, proxeccións audiovisuais ou mesmo traballos de campo sobre a toponimia relacionada con Cabanillas ou que aparece nas súas composicións. Aínda que os nenos tamén sacaron a súa vea de escritores elaborando poemas sobre as festas que celebran no centro. En definitiva, un traballo conxunto no que interveu toda a comunidade educativa.

    Outro dos centros de referencia, como non podía ser doutro xeito, foi o IES Ramón Cabanillas. Aquí centráronse nas representacións teatrais, como a Man de Santiña ou coa que probablemente máis gozaron, As fadas do Portal de Belén.

    Ás actividades escolares súmanse tres exposicións e a publicación de diverso material gráfico. Os dous últimos libro presentábanos hoxe: ‘A Ruta polo Salnés con Ramón Cabanillas’, de Manuel Núñez, e o poema ‘Agoíña Milagreira’ con ilustracións fotográficas.

    Redacción Salnés