O Club de Remo Vilaxoán recuperará a súa actividade trala remodelación do centro social e deportivo

VILAXOÁN> Rematan as obras de remodelación do centro sociocultural de Vilaxoán. A obra cun orzamento de máis de 90 mil euros tivo un retraso de preto de 11 meses. Co edificio listo, o club de Remo Vilaxoán poderá regresar ás instalacións e recuperar a súa actividade.

Despois de 11 meses agardando, rematáronse as obras do centro sociocultural de Vilaxoán. O proxecto que se viu afectado por determinados problemas tivo que ampliar as obras ata este mes e elevar o seus custo por riba dos 90 mil euros. O concello agradeceu a paciencia do club de remo e da asociación de veciños e puxo en valor a importancia deste centro para Vilaxoán.

Trala finalización das obras, o club de remo de Vilaxoán e a asociación de veciños poderán regresar á súa sede. No caso do club de remo, fundamental para continuar coa súa actividade.

Dende o club xa pensan en reabrir os cursos de verán para inscribir a novos rapaces e pouco a pouco recuperar o nivel do club e volver ás competicións.

Con esta inversión, dende o concello tamén quixeron poñer en valor os investimentos que levan realizados na vila durante os seus anos de mandato. Adiantando ademais que esta non será a última mellora que se realice no club, xa que nas vindeiras datas procederán a cambiar a cuberta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí