Tres partidos de sanción para Calucho, técnico do Sanxenxo

SALNÉS> Párase a Terceira División esta fin de semana debido á disputa da Copa das Rexións UEFA, pero a que sigue é a Preferente. O Xuíz Único de Competición deu a coñecer xa as sancións impostas para a vindeira xornada.

Primeira fin de semana sen futbol na Terceira. Vilalonga e Portonovo repoñen forzas de cara o tramo final do ano, no que van disputar dous encontros, os días 18 e 22 de decembro.

O Vilalonga, o mellor equipo da Terceira nas últimas seis xornadas, recibirá primeiro en San Pedro ó Mesón do Bento, e rematará o ano na Fontenla ante o Santa Comba, equipo en postos de descenso.

Canda menos á primeira cita acudirán sen baixas por sanción, algo do que non poderá presumir o Portonovo, que perde a dous xogadores importantes para ó seu desprazamento a Ordes. Douglas e Portela foron sancionados ambos cun partido polas súas expulsións fronte ó Alondras. Tamén lle caeu un encontro ó segundo adestrador, David Rivas, por menospreciar ó colexiado. Despois da visita a Vista Alegre, o Portonovo rematará o ano en Baltar ante o Negreira, un partido que o club estudia adiantar.

Na Preferente sí que haberá liga esta fin de semana. O Sanxenxo ten a priori un partido cómodo na casa fronte o Arenteiro, no que non poderá estar Fernando Aguín, sancionado cun encontro polo vermello que víu fronte ó Barbadás o domingo pasado. Maís longa será a ausencia de Calucho dos banquiños, ata tres partidos caéronlle o técnico dos amarelos, un deles por ter menospreciado ó colexiado durante o encontro e outros dous por telo feito unha vez rematado o partido.

Tamén acusará baixas importantes o Ribadumia. Carducho perde para este encontro a Berto e Marcos, ambos por acumulación de amarelos, mentres que Ramón víu o vermello fronte ó Atios e tampouco estará na cita do domingo. O pechacancelas, A Peroxa, visita A Senra.

Partido complicado terá o Arosa que recibe ó Lalín na Lomba coa baixa de Liños, expulsado tamén a semana pasada.

Mentres no Céltiga é baixa Darío despois de ver o quinto amarelo fronte o Cruceiro. O lateral perderase o choque do seu equipo ante o Atios.

O Cambados, que xogará en Marín, é o único equipo do Salnés que non perde a ningún xogador por sanción esta fin de semana.

Redacción Salnés