Condenan a Marcial Dorado a 10 anos de cárcere por narcotráfico

    marcial_dorado100.jpgSALNES> O ex contrabandista e empresario arousán Marcial Dorado acaba de ser condenado pola Audiencia Nacional a dez anos de cárcere …

    …  e a pagar case 70 millóns de euros de multa como autor dun delito de tráfico de drogas.

    Con el tamén caeron outros 18 acusados dos 23 que se sentaron no banquiño en relación cun alixo de máis de sete toneladas de cocaína confiscado hai máis de seis anos a bordo do pesqueiro South Sea. As penas de cárcere impostas oscilan entre os sete e os 17 anos e as multas entre os 35 e os 200 millóns de euros.

    Entre os acusados figuran varios arousáns: Carlos Somoza, ó que lle caeron 11 anos e 6 meses; José Agra, cunha pena de 10 anos; Joaquín Dacosta, Benigno Viñas e Jorge Agra, con 9 anos e medio; José Antonio Míguez, con 9 anos e 1 día; e Benito Rosal, con 7 anos.

    O tribunal ordenou o ingreso inmediato dos acusados, e ditou orde de busca e captura para o vilagarcián Carlos Somoza e para o ferrolán Rogelio Chao, que non acudiron á citación para escoitar a sentenza.

    Redacción Salnés