Meis, unha das primeiras paradas dos Reis Magos nas Rías Baixas

MEIS> Os Reis Magos visitaron todos os concellos das comarcas das Rías Baixas. Un dos concellos máis madrugadores foi o de Meis, onde recibiron por todo o alto ás Súas Maxestades xa pola mañá. As Súas Maxestades percorreron o Campo da Feira dende a Casa de Escudeiro ata o Mercado, onde agardan por eles ducias de nenos e nenas.

Os Reis Magos viven hoxe a súa xornada máis atarefada do ano. As súas Maxestades, como manda a tradición, percorreron neste cinco de xaneiro todos os concellos das Rías Baixas. No seu percorrido, unha das paradas máis madrugadoras foi Meis. Contra a unha do mediodía facían a súa aparición no Mosteiro. Saíron da Casa de Escudeiro e foron saudando a toda a rapazada ata chegar ao Mercado.  Os tres de Oriente aseguran que sempre gozan coa súa visita ao municipio.

Ducias e ducias de nenos agardanban polos Reis Magos en Meis. Entre nervios e moita expectación por velos tan de preto, a rapazada asegurounos que se portara moi ben este ano. Contáronnos que gozaron moito de poder falar en persoa con eles.

E claro, nesa conversa, aproveitaron para pedirlle aos Reis Magos todo o que xa lles solicitaron por carta.

Encargos que esta noite repartirán por todo o Planeta os Reis Magos, que teñen por diante unha maratoniana madrugada.

Así que os Reis piden á rapazada  que lles deixen algo ao pé da árbore para repoñer forzas.

Dende hai uns anos Meis adiantou a recepción aos Reis Magos á mañá para non facela coincidir con actos noutros concellos.

Unha cita que se completou unha intensa festa infantil na que pequenos e maiores gozaron da música e dos bailes.

Ao remate, logo de que todos os nenos e nenas recibiran un agasallo, todo o municipio despediu ás Súas Maxestades desexándolles unha boa noite e facéndolles un obsequio en nome do Concello.