SALNÉS> Cunha defensa inédita e case que improvisada o Vilalonga non só mantivo a portería a cero senón que goleou ó Rápido de Bouzas, 0-3. Tamén gañou o Céltiga a domicilio (0-1) a un Verín cada vez máis afundido.
Gran fin de semana para os conxuntos do Salnés, xa que tanto Vilalonga como Céltiga venceron a domicilio. Os celestes tras completar un dos mellores encontros da temporada xusto no día no que presentaban numerosas baixas en defensa. Excelente actuación da liña de catro que puxo en liza Gabi Leis, con Tachi, Sarró, Nano e o propio Saúl no lateral esquerdo. Todo o equipo raiou a gran altura e superou con claridade ó Bouzas por 0-3 con goles de Diego Blanco e dobrete de Machu. Xa son oitavos, máis preto dos de arriba que do descenso.
Mesmo puntos e décimo da xeral é un Céltiga que por fin gañou fóra da casa. Foi ante o pechacancelas Verín, 0-1 cun solitario tanto de Fernando na segunda metade. Bo traballo dos de Pablo Vázquez, sobre todo no aspecto táctico, que souberon levar ó seu lado un partido nada sinxelo. O Céltiga agarda a visita a semana que ven do Ourense, mentres que o Vilalonga recibirá ó Ordes.
Na Preferente Sur destacou a victoria dun Sanxenxo (1-0) que suma catro triunfos nos últimos cinco encontros. Suso Bea foi o autor do único tanto que se víu onte no Revel, nun partido no que os de Calucho volveron a ter unha actuación destacada no apartado táctico e defensivo. Aguantaron o empuxe do Cruceiro incluso cando se quedaron con dez xogadores pola expulsión de Dieguillo a vinte para o remate. Estes tres puntos déixalles cun colchón importante sobre os postos de descenso e máis preto dos de arriba.
Dezaoito puntos ten tamén un Arousa que non levanta cabeza e que onte caeu en Celanova pola mínima, 1-0, pese a ter desfrutado de ocasións dabondo como para ter gañado. A crise de resultados é xa preocupante na Lomba.
Mentres o Camabdos continúa a facer inexpugnable Burgáns e sumou outro triunfo máis por 2-0 ante o Tomiño; foron superiores os de Carregal e gañaron con tantos de Melo e Mon.
O Ribadumia a piques estivo de dar a sorpresa da xornada na Baiuca. Gañaban por 0-1 con gol olímpico de Fran ós 5 minutos, pero o Estrandense empatou no 89′, polo que os aurinegros continúan en postos de descenso.
Redacción Salnés