Os salóns de peiteado volven extremando a hixiene e coas axendas completas

MEIS> Entre os establecementos que hoxe puideron retomar a súa actividade están tamén os salóns de peiteado. Aquí tamén terán que reforzar as medidas hixiénicas que xa tomaban antes da pandemia polo COVID-19. É o caso da Peluquería Mari Vázquez, en Meis. Ela volve con ganas e con forza: ten practicamente as citas completas para toda a semana.

O trafego e as clientas volveron hoxe a este salón de peiteado de Mosteiro.

Mari Vázquez retomou a actividade nesta fase cero da desescalada coa axenda completa. A cita previa é unha das medidas obrigadas para controlar o aforo do establecemento no que, ademais, só poderá haber unha persoa por profesional para garantir o cumprimento das distancias de seguridade.

Extremar as medidas hixiénicas é outro dos requisitos a cumprir, tanto polo establecemento como pola clientela. Por iso Mari ten xa na porta do local os elementos para poder equipar aos que chegan da rúa.

As medidas de prevención continúan durante a atención da clienta e antes da chegada da seguinte, para garantir a máxima hixiene.

Pronto estas tarefas acabarán por incorporarse ás nosas rutinas diarias. Algo que non é un problema para Mari, encantada de volver ao traballo.